Bibliotecas virtuais galegas. A literatura na rede
Cada vez son máis
as webs galegas ou de fóra que poñen en liña obras de interese para os lectores
e lectoras de Galicia. Aquí soamente imos presentar unha selección das que
realmente funcionan como bibliotecas virtuais, permitíndonos consultar o texto
de moitas obras –non só libros, tamén xornais– e en moitos casos descargalas
para o noso ordenador ou calquera outro dispositivo dixital que nos permita
lelas.
Autores Galegos. autoresgalegos.org
Portal da Consellería de Cultura que achega case 50.000 páxinas dixitalizadas
de autoras e autores galegos nacidos antes de 1800: hai obras de Paulo Orosio
ou de Idacio, de frei Martiño Sarmiento, de Luis Marcelino Pereira ou de
Francisco Xavier Somoza de Monsoriu.
Biblioteca Dixital de Galicia. csbg.org bibliotecadixital/asp/index.asp
Dependente do
Centro Superior Bibliográfico de Galicia da Consellería de Cultura. Só están
activos o apartado de cartografía –varios centos de mapas de Galicia ou de
zonas da comunidade– e o de prensa –no que hai reproducións de páxinas de máis
de cen cabeceiras de prensa galegas que xa non se editan hoxe en día–,
existindo ademais un acceso directo á web www.autoresgalegos.org.
Biblioteca Virtual de Literatura
Universal en Galego. bivir.com
O proxecto da Asociación de Tradutores Galegos permítenos ler traducións de
máis de cen obras como A máquina do tempo de Herbert George Wells ou A lenda de
Sleepy Hollow, de Washington Irving.
Biblioteca Virtual Galega. bvg.udc.es
Está aloxada nos servidores da Universidade da Coruña e achega obras completas
e fragmentos en formato textual, imaxe (reproducións fotográficas das páxinas),
audio e audiovisual, así como biografías. Hai máis de 1.400 documentos, desde
textos completos de descarga libre a fragmentos de libros clásicos e
contemporáneos, como os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro ou as Cousas da
Vida de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Centro Ramón Piñeiro. cirp.es
A web do compostelán Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
ten un apartado de recursos en liña cun Diccionario de termos literarios e os
Informes de literatura para baixar, así como bases de datos en liña de libre
acceso que inclúen milleiros de documentos textuais: MedDB, base de datos da
lírica profana galego-portuguesa; Bilega, bibliografía informatizada da lingua
galega; Corga, corpus de referencia do galego actual do que existen dúas
versións, para as cales se dixitalizaron libros e textos galegos e Codolga
(Corpus documentale latinum gallaeciae).
Culturagalega.org. culturagalega.org
Dispón de case douscentos documentos para descargar. Atopamos desde libros de
historia como Miliarios e outras inscricións viarias romanas do noroeste
hispánico de Antonio Rodríguez Colmenero, Santiago Ferrer Sierra e Rubén D.
Álvarez Asorey ata libros sobre o medio natural coma A natureza ameazada, en
edición de Ernesto Viéitez Cortizo e José Manuel Rey Salgado.
Galilibros. http://gl.wikibooks.org/wiki/Portada
Un dos proxectos nacidos ó abeiro da coñecida enciclopedia en liña Wikipedia
(www.wikipedia.org). Aquí, os libros están deseñados para consultar en liña e
teñen sobre todo contido práctico. Hai só 28 documentos, entre eles un Curso de
lingua galega e Alemán. Manual de lingua alemá. Proxectos irmáns son a
enciclopedia galega en liña Galipedia (http://gl.wikipedia.org) e o dicionario
galego en liña Galizionario (http://gl.wiktionary.org).
Instituto da Lingua Galega. http://www.usc.es/ilgas
Ten en liña o Tesouro Informatizado da Lingua Galega
(http://www.ti.usc.es/TILG) e o Tesouro Medieval Informatizado da Lingua
Galega, que está aloxado na web do Centro Ramón Piñeiro (http://www.cirp.es).
Os textos incluídos no primeiro son ó redor de 1.500, están escritos en lingua
galega, e van “desde o Soneto de Pedro Bázquez de Neyra recollido na Relación
de las exequias que hizo la Real Audiencia del Reyno de Galiçia a la Magestad
de la Reina Dª Margarita de Austria nra. Señora, de 1612, ata a actualidade”,
segundo se informa na propia web. Aquí non podemos consultar un libro completo,
pero si saber en que páxina e en que liña dunha obra das que están
dixitalizadas aparece unha palabra ou palabras, o que pode ser de axuda á hora
de buscar información dun tema determinado. O Tesouro Medieval permite
consultar a presenza de determinada palabra ou palabras na documentación
medieval dixitalizada.
Real Academia Galega. realacademiagalega.org
A centenaria institución con sede na Coruña dispón de tres apartados na súa web
desde os que se poden descargar documentos: biblioteca virtual, hemeroteca
virtual e publicacións. Na biblioteca virtual podemos consultar polo de agora
25 obras, como o Cantigueiro popular de Marcial Valladares ou A tecedeira de
Bonaval, de Antonio López Ferreiro. No apartado de publicacións podemos ler
algúns discursos de entrada de novos académicos.
As tres universidades
http://www.udc.es/
http://www.usc.es/
http://www.uvigo.es/
As tres universidades galegas –A Coruña, Santiago e Vigo– contan con nas súas
webs con libros dixitalizados de produción propia, ademais de acceso a
coleccións virtuais internacionais de carácter científico ou técnico. De
especial interese: a Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago
(http://busc.usc.es) ten no seu sitio en internet á disposición dos internautas
o catálogo das súas bibliotecas físicas e máis de mil volumes e documentos
dixitalizados.